Información Xeral do Concello

Datos Socioecomómicos de Vilar de Santos

Vilar de Santos constitúe un exemplo de concello dinámico, onde o desenvolvemento industrial e económico convive coa conservación da natureza e das tradicións máis arraigadas.

Vilar de Santos conta na actualidade cunha poboación próxima aos 800 habitantes. Aínda que nas últimas décadas se rexistrou un descenso demográfico, este non foi tan acusado como noutros concellos da comarca da Limia.

Herdeiro dunha tradición agraria que nos anos 60 sufriu unha importante ruptura e provocou unha forte emigración, o municipio soubo adaptarse aos cambios e diversificar a súa economía, abríndose progresivamente a novos sectores produtivos.

Como acontece en moitos concellos rurais de Galicia, Vilar de Santos presenta unha pirámide de poboación envellecida. Non obstante, na última década obsérvase unha certa estabilización demográfica, en parte vinculada á instalación do Parque Empresarial, que contribuíu a dinamizar o tecido económico e social do municipio.

Na actualidade, Vilar de Santos constitúe un exemplo de concello dinámico, onde o desenvolvemento industrial e económico convive coa conservación da natureza e das tradicións máis arraigadas. Aínda que hoxe o sector servizos e a industria auxiliar da construción concentran unha parte importante do emprego, a agricultura e a gandeiría foron historicamente a base económica local, destacando o cultivo da pataca e dos cereais, así como o proceso tradicional do liño.

O clima en Vilar de Santos

O clima é oceánico de transición, con características mediterráneas e continentais. A temperatura media anual sitúase arredor dos 10,6 ºC, cunha media de 4–6 ºC no mes máis frío e de 16–18 ºC no máis cálido. No inverno poden acadarse temperaturas de ata -10 ºC e no verán rexistrarse máximas próximas aos 40 ºC.

A precipitación media anual oscila entre os 800 e os 900 mm, cunha amplitude térmica duns 13 ºC.

As xeadas son frecuentes desde novembro ata maio, condicionando notablemente os cultivos. Outra característica relevante é a seca estival, especialmente acusada nos últimos anos.

En canto ao réxime de ventos, non existe un predominante claro, aínda que no inverno son frecuentes os do noroeste.

O clima Hoxe

Vexetación

Polo seu clima, o territorio presenta boas condicións para o desenvolvemento da masa arborada, predominando as especies de folla caduca. O carballo (cerquiño) localízase nas zonas máis elevadas.

Coa concentración parcelaria reducíronse importantes masas arbóreas da zona chá, quedando limitadas ás áreas non afectadas.

O castiñeiro foi tradicionalmente unha especie relevante, aínda que moitos soutos se viron afectados pola enfermidade da tinta.

Entre as especies herbáceas e arbustivas destacan o toxo, a xesta, os fentos e as silvas. O retroceso da vexetación débese principalmente á concentración parcelaria, ao aproveitamento intensivo dos recursos forestais e aos incendios forestais, especialmente significativos en episodios como o do ano 1993.

Solos

Os solos de Vilar de Santos caracterízanse pola súa acidez e pola súa capacidade de retención de auga, que diminúe notablemente durante o verán, provocando certa aridez estacional.

CHAIRA E MONTAÑA

O municipio presenta dúas zonas claramente diferenciadas: unha área montañosa, situada ao norte da estrada C-531, e unha ampla chaira cara ao sur, integrada na depresión da Limia.

A AUGA

A rede fluvial forma parte da conca hidrográfica do río Limia. Trátase dunha rede de carácter principalmente estacional, agás o río Limia e o canal da Lagoa no seu percorrido polo termo municipal.

O regato das Lameiras é o máis relevante, cun percorrido norte-sur ata desembocar no canal da Lagoa. Outros regatos presentan menor caudal e carácter estacional.

A concentración parcelaria implicou a canalización dalgúns cursos de auga. O municipio conta ademais con diversos mananciais que garanten recursos hídricos suficientes.

Privacy Overview

This website uses cookies so that we can provide you with the best user experience possible. Cookie information is stored in your browser and performs functions such as recognising you when you return to our website and helping our team to understand which sections of the website you find most interesting and useful.